Estadísticas

    Usuarios registrados : 1304
    Contenido : 289
    Enlaces : 36
    Clics de vista de contenido : 102541

    Nuevas Fotos

    Inauguración Arquivo Histórico da Pesca de Caión 4-01-2012


    O Arquivo de Pesca de Caión abrirá ao público o sábado


    Onte desenvolveuse a presentación oficial da actuación realizada no baixo da Confraría de Pescadores. Marcos Amado, director do proxecto: “é necesario recuperar a memoria histórica desta vila”. Contouse co financiamento do GAC 3 e do Concello da Laracha...


    Caión xa conta co seu propio museo do mar no Arquivo da Pesca que foi habilitado na baixo do pósito de Pescadores da vila a través do proxecto promovido pola propia Confraría, dirixido polo historiador local Marcos Amado e cofinanciado con fondos do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte e do Concello da Laracha.

    O proxecto incluíu dúas actuacións diferenciadas e desenvolvidas paralelamente desde o pasado mes de agosto. Por unha parte, a tarefa de documentación consistiu na revisión e posta en valor do extenso arquivo histórico da Confraría de Pescadores. A outra parte foi a relativa á rehabilitación integral do local, que agora presenta un aspecto renovado e moderno. Trátase dunha instalación diáfana, con simultaneidade de usos, que dispón dunha sala de exposicións (con equipamento audiovisual, paneis informativos e vitrinas nas que poden verse documentos, diferentes utensilios e mesmo osos de balea de varios séculos de antigüidade), unha sala de reunións e un arquivo-biblioteca con zona de consulta informática, ademais dun aseo adaptado para discapacitados. As estancias poden dividirse por medio de tabiques de vidro retráctiles, o que permite adaptar para cada momento o espazo que se requira en calquera das salas.

    No acto de presentación oficial desenvolvido hoxe contouse coa presenza dunha ampla representación do goberno municipal –encabezada polo alcalde, José Manuel López Varela-, Juan Carlos Barreiro -xefe territorial da Consellería do Mar-, Guillermo González –xerente do GAC 3-, Evaristo Lareo -presidente da Confraría de Pescadores de Caión- e Marcos Amado –director do proxecto-.

    Precisamente Marcos Amado, veciño de Caión e historiador desta localidade costeira, foi o encargado de realizar a presentación e explicar o contido do proxecto. Na súa intervención referiuse á importancia de “conservar a memoria histórica da vila” xa que actualmente “a escaseza de peixe e marisco está provocando o declive da pesca tradicional, da que antigamente vivían case todas as familias do pobo”.

    Guillermo González, xerente do GAC 3, tras felicitar aos promotores polo seu “traballo concienzudo” valorou a actuación executada asegurando que “non tivo un orzamento elevado” e que “o resultado obtido valeu a pena”, polo que animou aos veciños e visitantes a que “utilicen e disfruten do local”.

    Evaristo Lareo, presidente da Confraría de Pescadores de Caión, coincidiu con Marcos Amado na importancia de que a través deste museo “no futuro os nenos poidan ver o que había en Caión, porque este proxecto quedará para a historia”.

    José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, pensa que o Arquivo da Pesca será “un punto de referencia no Concello”. Para o rexedor local, con este traballo “púxose en valor a vida da xente de Caión que se dedicaba á pesca anos atrás, cun resultado extraordinario”, polo que considera que esta mostra permanente, xunto ao proxecto municipal Mar de Caión, “será unha fonte de riqueza para a vila porque atraerá turistas”. López Varela adiantou que o Concello está traballando na creación dun proxecto turístico que, partindo de Caión, “cree un nexo de unión con outros puntos de interese do interior do municipio”.

    Juan Carlos Barreiro, xefe territorial da Consellería do Mar, pechou o turno de intervencións afirmando que Caión “é un exemplo da importancia do sector pesqueiro, tanto a nivel económico como cultural” e considerando que o baixo da Confraría de Pescadores é un lugar “ideal” para albergar o Arquivo da Pesca, tanto polas posibilidades que ofrece como polas “excelentes vistas que aquí existen e que poucos sitios poden ter”.

    O Arquivo da Pesca será aberto ao público este sábado para que todos os veciños e visitantes de Caión teñan a posibilidade de coñecer a evolución histórica da vila, sempre co mar e a pesca como eixo central. O horario de apertura será nas fins de semana, sábados e domingos, de 17.00 a 20.00 horas. Tamén se ofrece a posibilidade de concertar visitas para grupos, previa cita, de luns a venres.

     

    Foto do acto de inaguración do Arquivo da pesca de Caión

    Foto da xente que acudiu a inaguración do Arquivo da pesca de Caión

     

    VIDEO REPORTAJE